xoves, 18 de novembro de 2021

IX MOSTRA DO ENTROIDO

Como cada ano o noso centro participa coas demais escolas da contorna na Mostra do Entroido.

A mostra deste ano chéganos dende a Baixa Limia. Serán os Follateiros de Lobios os que nos conquisten cos seus extraordinarios traxes feitos a partir de materiais naturais, como o millo.

A figura do follateiro saía a correr polos pobos no Entroido, facendo algunhas trasnadas animando as xentes ante a chegada do novo ciclo da terra: a primavera. Como a roupa que tiñan para correr o Entroito era somentes farrapos, adornábanse coséndolle follatos do millo para tapar os rotos, e logo facendo colares, cintos e corpiños cos carozos, levando tamén colgadas as espigas raíñas, e millo de cores, cos que se fan as máscaras.

O material que se precisa son principalmente os follatos de millo, que se recollen no tempo seco, para que non teñan moho. Os carozos para facer os cintos e corpiños, xunto cun cordel para tecelos. O millo de cores para facer as máscaras.

Sería necesario contar co seguinte:

- Un pantalón ou saia vella.

- Unha blusa ou camisa branca.

- Unha toquilla (mulleres) ou capa (homes).

- Chapeos (de palla, ou mesmo de plástico ou cartón).

- Máscara branca de cartón.

- Calcetíns de lá.

- Zocos ou botas de imitación ou coiro.

Como é complicado coser tantos follatos o que nos din desde a Asociación de Follateiros de Lobios é que as pegan cunha pistola de silicona térmica, para facer o proceso máis rápido e seguro.













AS ANDANZAS DOS MONIFATES E DON GAIFEROS

O pasado mércores 19 de novembro o alumnado de 2º de primaria asistiu ao espectáculo de "Os Monifates" un peculiar carromato tirado por dous músicos ambulantes que percorren vilas e pobos cunha importante misión, a de amosar a música e instrumentación da cultura galega. Na súa viaxe fóronse formando os máis diversos e peculiares bailaríns (monicreques), integrando así música e monicreques nun espectáculo no que o alumnado gozou moito. Esta singular troupe está formado polo porco Antón, os bailaríns Xaquín e Maruxa, Saturno e Leonor, o galo Farruco e os Barbanzóns.


Grazas á Secretaría Xeral de Política Lingüística e á coordinadora territorial dos EDLG da provincia da Coruña, por achegarnos este espectáculo.