A colección conta con 24 deseños de estilos diferentes -desde a caricatura con esaxeracións mínimas para salientar a expresión do retratado ata a de esaxeracións máximas, nun xogo artístico e humorístico cos riscos faciais- que percorren a evolución de don Ricardo desde a mocidade ata a madureza.
O debuxante comezou o seu traballo en decembro de 2019 e, segundo as súas propias palabras, quixo "humanizar o personaxe, de xeito que non sexa só un nome, senón un home, para os mozos que van acceder a el na celebración do Día das Letras Galegas. Un home que me distinguiu coa súa amizade, que tantas veces riu comigo e algunhas se emocionou recordando o noso Ferrol. Por iso este traballo está feito desde o afecto, a gratitude e a amizade".
O artista ten realizado outras series de caricaturas e retratos dedicados a Picasso, Valle Inclán ou Ramón Piñeiro. "Son", di Siro, "traballos de investigación que fago de cando en cando sobre as posibilidades do retrato e da caricatura para apreixar a personalidade do modelo cando este me interesa especialmente. No caso de Carvalho traballei só no eido da caricatura por ser máis atractiva para os rapaces".
Ningún comentario:
Publicar un comentario